Historia


BANDA DE MÚSICA DE SANXENXO


Comeza no Século XIX, época na que se formaba unha pequena agrupación na parroquia de Padriñán.
Dunha banda naceu outra, e foi xa no Século XX cando Victor Guiance, alá polo ano 1927 funda unha banda en Aldaríz que se mantivo ata o ano 1941.
Tras anos sen que ninguén seguise esa tradición, o 26 de Maio do 2002, nace unha nova formación baixo a dirección de Rafael Torres Míguez, e ao abeiro do Concello de Sanxenxo.
Pero a andaina desta nova banda xa comezara un par de anos antes cando no ano 2000, setenta nenos se apuntaban á actividade de música que se ofrecía dende a Consellería de Educación. Ao ano seguinte eran cen alumnos os que acudían a estas clases e pouco a pouco este numero ía aumentando. Nesta escola impartíanse nin máis nin menos que 18 especialidades.
A pesar da dificultade dun proxecto de tal envergadura, co tesón e esforzo de alumnos, pais, profesores e responsables políticos, conséguese crear a Banda-Escola de Música Municipal de Sanxenxo. Dado a gran evolución e interese dos alumnos de esta banda-escola, e equipo docente da mesma decidiu crear nese momento a Sociedade Musical de Sanxenxo. Como obxetivo principal o de xestionar e organizar unha nova agrupación instrumental: a Banda de Música de Sanxenxo, na que os alumnos da escola de música poden complementar a súa formación instrumental dun xeito Semiprofesional e que esta Banda serva de proxeción para os alumnos.
Nesta agrupación están representadas, a través do seus músicos, todas as aldeas e vilas do noso Concello: Portonovo, Vilalonga, Dorrón, Nantes, Noalla, Bordóns, Aldaríz, Reis, Sanxenxo, etc. Facendo así unha obra de irmandade entre todos. 
Esta nova agrupación presentouse cun gran concerto en Sanxenxo o sábado 22 de agosto do 2009. Comeza así unha nova etapa de formación músico-instrumental en Sanxenxo, enfocada ao traballo profesionalizado no mundo da música
Ademais da función social, de entretemento e de socialización dos músicos que todas as bandas cumpren, pódese destacar a función pedagóxica, xa que para seleccionar o repertorio se terán en conta factores como a expresividade, harmonía, e mesmo contexto histórico.  
Esta agrupación presentouse no ano 2010 ao IV certame Internacional de Vila de Senia en Tarragona, este é o primeiro concurso Internacional no que a nosa Banda de Música se presenta e obtivo o segundo premio, a tan só un punto do primeiro, con 282 puntos.
Hoxe en día, é unha sociedade independente, que grazas a colaboración, o esforzo, á axuda dos propios músicos, principais motores de dita sociedade, ademais da axuda en prol da cultura musical no noso Concello de empresas e particulares que apoian a nosa iniciativa, fan posible que perdure este proxecto.

Dende aquí queremos dar as grazas a todas e todos aqueles que fan cada día posible que a cultura sexa unha realidade.